venres, 6 de marzo de 2009

RICK NELSON In Concert (LP, MCA-Movieplay, 1970)

Contra 1969, Rick Nelson, antes coñecido como Ricky, levaba tempo intentando sacarse de enriba a imaxe de teenage idol que chegara a paralizar a súa carreira. Un par de anos antes lanzárase a gravar un par de discos de country botando man de Clarence White, aínda session man antes de converterse nun Byrd de pleno dereito. De aí a escoitar a Dylan ou Randy Newman e comezar a frecuentar o Troubadour, lendario punto de encontro de country rockers, singer-songwriters e demais fauna enrollada de LA, non había máis ca un pasiño. Randy Meisner, recén saído de Poco e de camiño aos Eagles, axudoulle a por en pé a Stone Canyon Band, que debutaría ese ano cunha serie de celebrados concertos no Troubadour que se convertirían na súa tarxeta de presentación discográfica. En Rick Nelson in Concert retella algún dos seus clásicos, leva a Dylan ao seu terreno (¡por partida triple!), bota man de compositores novos coma Eric Andersen ou Tim Hardin e compón novas e máis que dignas cancións, que o seu grupo, coa fantástica steel guitar de Tom Brumley á cabeza, entrega con pericia e vigor instrumental, ensinando os dentes cando compre. Tal vez á voz de Nelson lle faltara a persoalidade necesaria para ser un dos grandes, pero de que a cousa non era unha estrataxema de estrela do rock vida a menos, deu fe nada menos que o mismísimo Lester Bangs nunha crítica positiva no Rolling Stone.

Ningún comentario: